Tuesday 30 de April de 2024

O Concello conmemora con música, exposicións e coloquios o décimo aniversario de ‘Atlántico’, o primeiro e exitoso traballo en solitario de Xoel López


Unha mostra, que se desenvolverá no Quiosco Alfonso e xardíns Méndez Núñez ata o 4 de decembro, permitirá coñecer a vida e traxectoria do artista coruñés

O Palacio da Ópera acolle este venres o concerto conmemorativo deste aniversario

Un documental, varias charlas e un pequeno concerto, conforman parte da programación prevista para as dúas próximas semanas

O Concello da Coruña conmemora con diversas actividades o décimo aniversario de ‘Atlántico’, o primeiro traballo en solitario do artista coruñés Xoel López. O programa, promovido conxuntamente con Esmerarte Industrias Creativas inclúe, entre outros actos, unha exposición sobre a traxectoria do cantante e un concerto conmemorativo. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a presentación das diferentes actividades xunto co artista.

“E ser coruñés é sentirse orgulloso das súas raíces e non renunciar a elas aínda que esteas en Madrid, en Buenos Aires o en calquera dos lugares nos que teñen a oportunidade de desfrutar dos teus concertos”, sinalou Inés Rey durante o acto.

‘Atlántico’ (Esmerarte, 2012), o duodécimo traballo da carreira de Xoel López, foi o primeiro editado baixo o seu propio nome. O pasado abril, os 12 temas que o compoñen cumpriron dez anos desde que o artista os deu a coñecer tras deixar o exitoso proxecto Deluxe.

Producido xunto a Juan de Dios Martín e gravado entre marzo e setembro de 2011 entre as dúas beiras do Atlántico, A Coruña e Bos Aires, foi no seu momento o máis meditado de toda a súa traxectoria. ‘Atlántico’ supuxo unha nova etapa musical e persoal para Xoel, enriquecendo os seus ritmos e fortalecendo as súas melodías. Actualmente, con máis de 20 anos de traxectoria musical, Xoel López é sen dúbida un dos artistas musicais máis solventes e representativos da escena independente iberoamericana.

Será a súa cidade, A Coruña, a que acollerá durante máis de dúas semanas os actos do aniversario de ‘Atlántico’ con diversas actividades que permitirán coñecer máis a fondo o disco que elevou a Xoel López fai dez anos. Desde o venres 18 de novembro ás 18.00 horas ata o domingo día 4 de decembro, poderase gozar da exposición ‘Xoel López. Atlántico: Décimo Aniversario’ no Quisco Alfonso, na cal todo aquel interesado poderá coñecer os detalles da vida do artista desde os seus inicios e do seu álbum ‘Atlántico’.

O horario de visitas desde a súa apertura será de luns a domingo de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas e, ademais, a iniciativa contará cunha exposición exterior nos xardíns de Méndez Núñez.

Tras a apertura da exposición, o mesmo venres 18 de novembro terá lugar o concerto de celebración deste décimo aniversario de “Atlántico” no Palacio da Ópera da Coruña ás 21.30 horas. As entradas para asistir ao concerto xa se esgotaron aos poucos días da súa saída á venda.

Durante a presenza da exposición na cidade, levaranse a cabo diferentes actividades ao redor da historia de ‘Atlántico’. O martes 22 de novembro presentarase o documental ‘La Caravana Americana’ ás 20.00 horas na Fundación Luís Seoane. Tras a proxección Javier Becerra moderará un coloquio entre Xoel López e o xornalista Arturo Lezcano, o cal acompaña a Xoel na etapa da súa carreira que se describe no documental. ‘La Caravana Americana’ xorde por mor da longa viaxe que Xoel López emprendeu alén do Atlántico en 2008. Tras unha exitosa carreira con Deluxe, Xoel decide embarcarse nun novo proxecto en solitario. Para iso trasládase a América, onde comeza a explorar e descubrir as diferentes músicas e estilos de cada uns dos países que visita. A entrada para ver o documental resultado deste periplo será totalmente libre ata completar capacidade.

Doutra banda, o mércores 23 de novembro ás 20.00 horas, na Fundación Luís Seoane, poderase descubrir ‘Os Segredos de Atlántico’; unha animada entrevista de Javier Becerra a Xoel López onde debullarán os ritmos e influencias do disco que marcou a nova etapa do artista. Contarán ademais coa colaboración de Mihai Tanasescu, músico da Orquestra Sinfónica de Galicia quen adaptou varias cancións do coruñés para ser interpretadas pola Sinfónica. A entrada será libre ata completar capacidade.

E por último, o xoves 24 de novembro ás 20.00 horas, en MEGA – Museo Estrella Galicia, terá lugar un coloquio que co título ‘Así naceu Atlántico’, que contará os detalles do nacemento do disco e da nova carreira de Xoel López. Participarán Xoel López, Kin Martínez (CEO de Esmerarte Industrias Creativas e representante de Xoel López) e Juan de Dios Martín (produtor de “Atlántico”); moderará a charla o xornalista Javier Becerra. Despois da conversa, o artista ofrecerá para o público presente un “showcase”, un pequeno e íntimo concerto, en acústico. O acceso será exclusivamente con invitación, que se poderá conseguir a través das redes sociais do MEGA.

“Sei que as veces te definen como unha persoa de ningunha parte e do mundo. Así é o teu traballo e a túa condición, universal e cosmopolita, como dicía antes. Para nós é un orgullo que sexas un bo e orgulloso coruñés, pero sobre todo que sigas demostrando cada día que es un gran artista e unha extraordinaria persoa”, dixo a alcaldesa.